sábado, 3 de novembro de 2012

Crónica aproximada da II Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra

A II Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio á coalición de Alternativa Galega de Esquerda, reuniu no Auditorio de Narón a 72 persoas vinculadas aos movementos veciñais, sindical, feminista, ecoloxista e cultural. Unha asemblea que comezou elixindo ás dúas persoas, un home e unha muller, que coordinaron o desenvolvemento da mesma, que transcorreu desde ás oito da tarde ás dez da noite.

No primeiro punto da orde do día figuraba a análise dos resultados electorais. Todas as intervencións lamentaban non ter conseguido o primeiro dos obxectivos da coalición que era ter arrincado a maioría absoluta ao PP. Mais tamén se sinalaba que esta maioría absoluta se tiña acadado con tan só o 24% dos votos posíbeis, ao que hai que sumar a perda de mais de 135.000 votos, ao respecto das pasadas eleccións galegas celebradas en 2009. Todos estes factores, fan que o próximo goberno da Xunta parta de escaso apoio popular (unha minoría dunha persoa de cada catro). Comentouse tamén a perda de apoio dos partidos da oposición (Psoe-Bng), mais de 350.000 votos que, ademais da febleza da súa oposición na anterior lexislatura, sumaron, nas formas na campaña electoral, cunha homologáción co PP, sendo este o maior beneficiado. Sinalouse tamén a nosa incapacidade para conectar cos mais de 70.000 votos nulos e brancos que mostraron doutro xeito a indignación cidadá, e a incapacidade para frear o aumento da abstención (Dos case medio millóns de votos que perderon os partidos que se sentaban nas bancadas do Horreo, a grande maioría foron para a abstención e o voto nulo e branco).

Resaltáronse os valores da Alternativa Galega de Esquerda que fixeron posible os resultados tan positivos en tempo récord de: a xenerosidade para unirse as catro formacións políticas; a activación dun sector da cidadanía máis consciente en apoio ao proxecto; o papel das redes sociais para canalizar ese apoio e amplificar a mensaxe; o papel de Beiras, xunto a moitas outras persoas, que souberon explicar o proxecto de AGE, que é moito máis que unha proposta programática.

En todas as intervencións insistíase na necesidade de afortalar e ampliar a coalición; de constituír, o grupo parlamentar, como un poder obediente á cidadanía e á súa expresión organizada, os movementos sociais; de non defraudar ás esperanzas da cidadanía e construír as ferramentas que posibiliten a organización popular ao redor deste proxecto.

No segundo punto da orde do dia analizouse a convocatoria de folga xeral do 14N e o papel que esta asemblea debera cumprir neste proceso. En todas as intervencións falouse do apoio á unidade sindical; de como afrontar a ofensiva de ameazas e represalias que as traballadoras e traballadores van sufrir no posto de traballo se queren secundar a convocatoria; da necesidade de incorporar a esta mobilización a autónomos, desempregados e desempregadas, e outros sectores sociais, que están a sufrir as consecuencias das políticas neoliberais, e de como non están aínda suficientemente explicadas as razóns para esta Folga.

Aprobouse a iniciativa de solicitar dos sindicatos a convocatoria urxente na comarca da rede Alianza Social Galega, para canalizar a colaboración e apoio aos sindicatos do movemento social e cumprir os obxectivos da Folga Xeral do 14N en Ferrol Terra. De efectivizar este acordo quedou encargada unha pequena comisión de persoas vinculadas ao movemento sindical.

Por último acordouse que as persoas que convocaron esta segunda asemblea, xunto ás que se sumaron na propia asemblea, fagan, despois do 14N unha nova convocatoria.

Narón, a 2 de novembro de 2012

A Comisión para convocar a seguinte Asemblea quedou constituída por:

Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Carlos Varela, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez e Mel Sanxoan.

Nota.- Esta Comisión tería só por obxecto: acordar día, hora e lugar da vindeira Asemblea, fixar os seus obxectivos  e elaborar a proposta de orde do día.

***

Nenhum comentário:

Postar um comentário