terça-feira, 5 de março de 2013

Presentación en Ferrol do libro "AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda", este xoves 7 de marzo, ás 20hs, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño

Presentación en Ferrol do libro "AGE a emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda".

Día: xoves 7 de marzo.
Hora: ás 20hs,
Lugar: En Ferrol, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.

A Asemblea Popular do Movimento Social de Ferrol Terra en apoio a AGE, presenta o libro: "AGE. A Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda", dos xornalistas Manuel Darriba e Daniel Salgado. Un libro, en palabras de Manuel Martínez Barreiro, "intelixible, interesante e intelixente", no que se entrevista a Xosé Manuel Beiras, Yolanda Diaz Perez, Martiño Noriega Sánchez e Xabier Ron sobre esta "experiencia insólita".

Nesta presentación, en Ferrol, contaremos coa presencia dun dos autores, o xornalista Manuel Darriba; coa parlamentaria Yolanda Díaz; coa colaboración do xornalista de 'Diario de Ferrol', Nicolás Vidal; e co editor Antón Lado.
|Clicar na imaxe para ampliar|

Os resultados das eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012 debuxan un novo mapa político na sociedade galega coa súbita irrupción da plataforma electoral da Alternativa Galega de Esquerda, convertida en terceira forza no Parlamento Galego con 9 deputados.

A emerxencia de AGE como nova alianza de partidos trae tamén consigo o retorno de Xosé Manuel Beiras, nas súas palabras, “un político dun ciclo histórico que remata”, que procurou “navegar en mar de fóra” para o seu retorno á arena da cámara galega, no que el mesmo considera como o seu epílogo político.

"AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda", terceiro título da colección xornalistas, é a crónica do proceso de conformación da AGE, dos seus como e por que e a delimitación das coordenadas políticas deste novo proxecto de alianzas na voz dos seus protagonistas. En palabras dos autores: "O contido deste libro xorde da curiosidade xornalística por un proxecto que achega novas claves á política galega, a institucional e a exercida a nivel de bases. Os autores quixemos pescudar na rebotica da AGE –pensamento político, contactos, negociacións–, o seu programa e as súas expectativas. O mecanismo elixido foron as conversas con catro líderes significados da coalición. Ao tratarse dun experimento tan recente e en permanente construción, non existen aínda elementos nin perspectiva para un ensaio valorativo, moito menos un balance, do que supón a Alternativa Galega de Esquerda. O territorio de traballo é o da crónica de urxencia. O propósito que nos guiou foi suscitar conversas sobre aspectos que no seu día quedaron fóra da cobertura xornalística, conversas nas que estiveran excluídas, na medida do posible, a corrección e a gramática partidistas. Especial interese ten o testemuño dun Beiras que proclama o final do seu ciclo, convencido de pertencer a un tempo político que remata".

***